Escavación e consolidación arqueolóxica no castro de Viladonga, Castro de Rei Lugo, 2016.

martes, 29 de novembro de 2016

Pouco a pouco os arqueólogos primeiro e despois os restauradores van limpando, rexistrando e definindo os muros pedra a pedra. O traballo require de todos os especialistas do equipo, o arqueólogo, o debuxante, o topógrafo, o fotógrafo, o restaurador... Contemplando as fotos do antes e do despois enténdese ben o mimo que se pon a tódalas construcións nas que se intervén para que o resultado final sexa o mellor para a conservación dos restos e para a interpretación do visitante.



martes, 22 de novembro de 2016

Á vez que se realiza a escavación no xacemento comeza a fase de traballos no laboratorio onde os arqueólogos teñen que ir organizando toda a documentación que se vai rexistrando no campo. As fotografías, os debuxos, as mostras ... todo ten que ir ben inventariado e almacenado xa que o rexistro e a base das valoracións acerca dos achados no castro.
Outro labor importante no laboratorio ten que ver cos materiais, algúns deles necesitan dunha inmediata estabilización e tratamento para evitar o seu deterioro, e o caso das pezas metálicas que sofren una forte degradación. Vemos na imaxe o restaurador no proceso da limpeza das pezas de bronce, incluíndo as moedas romanas atopadas nestes días.


martes, 15 de novembro de 2016

Unha das características que se respectan nos traballos de restauración son as diferentes fases de construción pero tamén hai que ter en conta a existencia nos xacementos de diferentes materiais e de distintos tipos de paramentos orixinais que atopamos nas estruturas. Na fotografía podemos ver unha gran construción na que os castrexos utilizaron varios materiais; a cimentación foi feita a base de grandes cuarzos mentres que os paramentos se levantaron con laxas de xisto. O motivo do uso na base dos cuarzos e a súa resistencia ao clima e a humidade, o que fai que non sufran degradación o longo dos anos.



luns, 14 de novembro de 2016

Os traballos de escavación no Castro de Viladonga están xa moi preto do seu remate aínda que a restauración das estruturas vai a necesitar algo máis de tempo. Os traballos de consolidación que se están a realizar tratan en boa medida de reflectir as diferentes remodelacións que a escavación deixa ao descuberto, e que nos están a falar da secuencia construtiva e das sucesivas remodelacións que sofren as vivendas ó longo dos séculos de ocupación.

mércores, 9 de novembro de 2016

Nestes días a xente que se acerca ao castro de Viladonga ademáis de coñecer a impresionante colección do Museo e visitar os restos en proceso de escavación e restauración, pode deleitarse con paisaxes coma este que vese na foto. 
Non hai dúbida de que para as visitas o xacemento é un lugar misterioso e máxico no que se conservan as pegadas dun pobo que viviu aquí fai miles de anos, e no que aínda que chova, neve ou faga calor ten sempre unha imaxe que ofrecer que queda na retina para sempre. E imposible non desexar ir coñecelo.


xoves, 3 de novembro de 2016

Os traballos de escavación e restauración no castro concéntranse en dous barrios e na muralla. O bo tempo deste último mes permitiunos darlle un forte empurrón aos obxectivos plantexados para a intervención. Coma exemplo a fotografía xeral na que vese as zonas de actuación baixo un sol radiante … polo que ninguén diría que estamos xa no mes de novembro.


mércores, 2 de novembro de 2016

Na zona da muralla o equipo de restauración dirixido por Pablo López centra o seu traballo na recuperación das escaleiras de acceso á parte superior. Este elemento tiña graves problemas por mor dun erro estrutural que facía perigar a súa conservación. Necesitáronse varios días de intenso traballo e un detallado proceso de “anastilosis” para poder finalizar a súa restauración.

Na imaxe pódese observar varios técnicos do equipo rematando os traballos na zona da escaleira dobre.